A análise do material xenético de SARS-CoV-2 en augas residuais confírmase como un método sensible e práctico para a detección de novos gromos de covid-19

Proxecto DIMCoVAr

DUVI | Financiado polo Fondo Supera Covid da CRUE-Santander, en maio de 2020, pouco tempo despois do inicio da pandemia da covid-19, botaba a andar o proxecto DIMCoVAr. Co obxectivo de determinar se a análise das augas residuais permitía detectar o virus e predicir a evolución da pandemia en Galicia, investigadores do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), da Universidade de Vigo e a empresa Geseco Aguas S.A. crearon un equipo multidisciplinar no que, a través da sinerxía entre viroloxía, bioloxía molecular, modelización matemática e enxeñaría, puidesen poñer a disposición dos xestores da pandemia unha ferramenta que servise para adiantarse ás sucesivas vagas de infeccións. “A rápida propagación do virus evidenciou pronto a necesidade de desenvolver ferramentas para detectar masivamente a súa presenza nas comunidades locais, pois estas ferramentas combinadas con métodos de detección individual, contribuían á vixilancia do SARS-CoV-2”, explica Antonio Figueras, profesor de investigación do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), que sinala que pronto se apreciou a posibilidade de utilizar o enfoque epidemiolóxico de augas residuais para covid-19. “Así, a carga viral en augas residuais utilizouse para detectar gromos de covid e seguir a evolución da poboación infectada e os protocolos de detección do material xenético en augas residuais e a súa cuantificación optimizáronse cada vez máis desde o inicio da pandemia”, aclara Figueras.