A catedrática África González publica Inmuno Power, un manual que desvela os segredos do sistema inmunitario

África González

DUVI |  Inmuno Power é un libro co que a súa autora, a catedrática da Universidade de Vigo África González quere axudar “a entender dunha forma sinxela e divulgativa que é o sistema inmunitario, un dos sistemas máis complexos do noso corpo”. Así o explica a propia autora que ao longo de 288 páxinas analiza que é e como funciona o sistema inmune e achega as claves para coidar e protexer “a primeira liña de defensa do corpo humano”.

O volume nace, como recoñece a autora, “da necesidade de explicar e resolver moitas dúbidas que xorden” e da falta de “libros divulgativos sobre como funcionan as nosas defensas, como podemos fortalecelas, que son as vacinas, as alerxias, as intolerancias, a inmunidade en nenos…” Para iso achega respostas a numerosas preguntas relacionadas co sistema inmune: de que nos protexe o sistema inmunitario? cal é o seu papel para defendernos do cancro? como inflúe a idade ou a alimentación nas nosas defensas? cal sería a vacina perfecta?. Outros dos temas que aborda a científica neste libro pasan polo funcionamento dos anticorpos, as alerxias, as diferencias entre as alerxias alimentarias e as intolerancias ou a función da febre. Ademais, como destacada investigadora neste eido, África González presenta neste libro tamén as técnicas inmunolóxicas e últimos avances en inmunoterapia.