A comunidade universitaria mantívose fisicamente activa durante o confinamento

DUVI | Máis aló da traxedia que, en termos de perda de vidas humanas, supuxo a irrupción da covid-19, as restricións ás que obrigou a pandemia afectaron de moitas formas á saúde física e mental do conxunto da sociedade. Coñecer o impacto que tiveron sobre a comunidade universitaria o confinamento e as restricións durante as primeiras olas da covid-19 foi o obxectivo central dun estudo levado a cabo polos investigadores do grupo HealthyFit Gustavo Rodríguez, Pablo Campo e José María Cancela, que permitiu coñecer que tanto o alumnado como o persoal da UVigo foron quen de manterse fisicamente activos durante o confinamento. A través dunha enquisa a 359 membros da comunidade universitaria, os profesores das facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte puideron constatar que o 56,3% continuaron realizando actividade física neste período, buscando “exercicios alternativos” ás súas prácticas habituais, o que á súa vez combinaron “cun descanso adecuado e distanciado de hábitos tóxicos”.