A EE Forestal xerará unha imaxe tridimensional do carballo de Santa Margarida

DUVI | Xerar un modelo tridimensional do carballo de Santa Margarida. Este é o obxectivo dos traballos que investigadoras da Escola Enxeñaría Forestal levarán a cabo cos datos obtidos nas medicións realizadas na mañá deste luns desta árbore centenaria cun láser escáner portátil. Enmarcada na colaboración da escola coa asociación cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida, esta iniciativa permitirá “capturar como é exactamente” unha árbore con máis de 500 anos de historia, como explica o director da escola, Juan Picos. O procesado da nube de puntos obtida nesta xornada con tecnoloxía LiDAR permitirá nese senso xerar unha “imaxe tridimensional” que faga posible tanto coñecer con exactitude as dimensións e estrutura deste exemplar de Quercus robur como xerar “reproducións a diferentes escalas do carballo”, apunta Picos.