A loita das científicas e tecnólogas por espertar vocacións entre as alumnas de ensino secundario non decae

Alumnas do Colexio Plurilingüe Alborada

DUVI | Emoción por descubrir e fascinación por un traballo que consideran apaixonante. Científicas e tecnólogas da Universidade de Vigo uníronse este xoves á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia organizando diferentes actividades coas que dar a coñecer entre as alumnas de ensino secundario as súas profesións. A pandemia non permitiu este ano a presencialidade, pero o espírito da xornada mantívose coa organización de diferentes encontros virtuais cos que amosar que as mulleres que fan robots, traballan con láser, idean as comunicacións do futuro, descobren os segredos das moléculas ou deseñan novos materiais non son bichos raros, senón persoas normais.

Ao longo de todo o mes 32 investigadoras e un investigador da UVigo están impartindo en institutos de ensino secundario de toda a provincia charlas virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía, conversas enmarcadas na iniciativa 11 de febrero, que se organiza a nivel nacional con motivo desta data. A maiores e, como xa vén sendo tradicional neste día, hoxe celebrouse en liña a quinta edición de Elas Fan CienTec, un programa de obradoiros para rapazas de secundaria organizado por investigadoras do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio e das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo co apoio das unidades de Igualdade e Cultura Científica.