A UVigo volve sacar os laboratorios á rúa coa expo-feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

Edificio Redeiras

DUVI | A Universidade de Vigo volve sacar os laboratorios á rúa coa celebración dunha nova feira científica. Será o vindeiro venres 18 de marzo nunha carpa con 12 postos situada na praza do Berbés baixo o lema A ciencia que vén ten nome de muller, un evento de divulgación e de fomento das vocacións científicas co que se pretende dar a coñecer á sociedade o traballo do persoal investigador, especialmente das mulleres, e como os seus estudos favorecen o avance da sociedade.

Aberta ao público infantil, xuvenil e familiar en xeral, a feira abrirá as súas instalacións ás 17.00 horas.  Dos 12 postos informativos que poderán visitarse, 9 correspóndense a proxectos, grupos de investigación ou centros de investigación da UVigo  e a eles sumarase un posto da Unidade de Igualdade, con diferentes xogos e actividades vinculados á muller na ciencia, e outros dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo. A maiores, estará tamén aberto ao público o edificio Redeiras, onde se reproducirán vídeos sobre algúns dos grupos de investigación da Universidade de Vigo, poderase participar en xogos de realidade virtual e visitar a exposición En galego! da Área de Normalización Lingüística.

Organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología- e a colaboración do Concello de Vigo, a feira terá xa pola mañá unha visita de escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis, 84 alumnas e alumnos, que serán os primeiros en poder divertirse e aprender con todas as actividades organizadas para eles.