Especialistas da UVigo afondan nos “intereses políticos e económicos” tras a desinformación e na ameaza que supón para a democracia

DUVI | A proliferación da desinformación, sumada a unha “polarización brutal” da sociedade, á chegada dos “populismos máis extremistas” e ao papel das redes sociais e dos “pseudomedios” están a xerar “unha tormenta perfecta que afecta á nosa democracia”. Deste xeito presentaba o xornalista Xabier Fortes a problemática que constituía o eixe central do debate que este luns reuniu no Museo de Pontevedra investigadores de diferentes ámbitos, co propósito de afondar nos efectos da desinformación e nas ferramentas existentes para detectala e combatela. Promovido pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i), este coloquio puxo de relevo que “a desinformación organizada obecede sempre a intereses políticos e económicos”, como sinalou o profesor da Facultade de Comunicación Xosé Rúas, e na incidencia que esta problemática ten á hora de que “crear un estado de opinión polo que xa non sabemos que é certo e que non”, como engadiu a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga.