Nove achegas para reconsiderar cunha perspectiva tripartita algúns dos temas máis relevantes da obra de Tolkien

DUVI | Transcorrido case medio século do seu pasamento, o interese pola obra do escritor, filólogo, poeta e lingüista J.R.R. Tolkien lonxe de minguar, mantense, se cadra, máis vivo que nunca. A millonaria audiencia que desde a súa estrea o pasado 1 de setembro está a acadar a serie The Lord of the Rings: The Rings of Power, baseada na novela The Lord of the Rings e os seus apéndices, é unha proba máis da fascinación que a obra de Tolkien segue a espertar no século XXI.  Mais, lonxe dos centos de miles de espectadores que a última serie inspirada nunha obra do escritor británico está a sumar, o legado de Tolkien tamén protagoniza outros traballos, como Tolkien in the 21st Century: Reading, Reception, Reinterpretation, editado polo docente e investigador do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da UVigo, Jorge Luis Bueno Alonso e publicado por Cambridge Scholars Publishing.