O Día da Muller e a Nena na Ciencia, todos os días

Charla virtual de Esperanza Broullón e Cecilia Costas no CEIP A Pedra de Bueu

DUVI |Nunha semana coma esta, o Centro de Investigación Mariña da UVigo debería estar compartindo os seus laboratorios con mozos e mozas de institutos da contorna co gallo da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Pero por mor das restricións derivadas da pandemia da covid-19, este ano as actividades estanse a celebrar en modalidade virtual. Este venres foron estudantes de 1º e 2º da ESO do CPR Alborada e do IES do Castro, ambos de Vigo, os que se achegaron, a través da pantalla, ao CIM. O obxectivo é dar a coñecer e sensibilizar ao estudantado de secundaria sobre cuestións de xénero, como o efecto Matilda, que provoca que moitos logros e avances científicos froito do traballo das mulleres se acaben atribuíndo aos seus compañeiros varóns. O alumnado participante tamén puido coñecer outros aspectos como as paredes e os teitos de cristal cos que se topan as mulleres investigadoras ou facer un repaso polas científicas que foron invisibilizadas ao longo da historia, e que na actualidade ocupan tan só o 7% dos libros de textos de Primaria e na ESO, fronte ao 93% de científicos varóns. Ademais, prestouse especial atención ao eido da investigación mariña, co fin de visibilizar e poñer en valor o traballo das científicas en xeral, e do CIM-UVigo en particular, fomentando os roles femininos en ciencia, promoción da igualdade en ciencia, etc.