O grupo de arqueoloxía da UVigo volve a Ons para buscar vestixios das súas relacións comerciais na época romana

Imaxe da intervención na zona do castro ou castelo dos Mouros

DUVI | Desde o pasado 4 de outubro, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo está a desenvolver a súa segunda intervención arqueolóxica na illa de Ons. O seu obxectivo é avanzar no coñecemento das relacións comerciais en época romana desta illa escavando nunha das súas factorías de salga situadas na praia de Canexol e no castro ou castelo dos Mouros, localizado a poucos metros do primeiro. A iniciativa realízase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

A intervención, que se estenderá durante tres semanas, continúa as tarefas de limpeza, rexistro e sondaxes levadas a cabo polo GEAAT do 5 ao 9 abril deste ano no mesmo enclave, traballos realizados entón no marco do proxecto de investigación Galtfish e co apoio tamén do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Sobre a importancia desta segunda intervención arqueolóxica, os seus responsables sinalan que “pode ser moi interesante pola información que pode achegarnos sobre as relacións comerciais que estaban funcionando no Atlántico desde a Idade de Ferro e en época romana tamén”. Neste senso destacan o carácter singular do xacemento, por estar situado nunha pequena illa.