O proxecto rurAllure organiza un congreso internacional sobre promoción da riqueza cultural e dos museos no eido rural

Celébrase desde hoxe e ata o venres en Vila do Conde

DUVI |  As rutas de peregrinación foron, sobre todo dende a Idade Media, unha vía de vetebración de territorios e de transmisión cultural e artística. As que hoxe en día perduran supoñen un importante polo de atracción de viaxeiros, aínda que moitas veces as contornas rurais que as rodean quedan á marxe deste impulso turístico. O proxecto europeo rurAllure, liderado pola Universidade de Vigo dentro da convocatoria H2020 da Comisión Europea, naceu precisamente co obxectivo de divulgar e poñer en valor a riqueza cultural que rodea as grandes vías de peregrinación de Europa: o patrimonio literario nos camiños de Santiago; o termal nas peregrinacións a Roma; o etnográfico nos camiños de San Olav e o natural no caso da ruta mariana centroeuropea. Estes catro roteiros conforman os catro proxectos piloto que se están a desenvolver no marco do proxecto.