Un proxecto europeo busca sacar do illamento ás escolas rurais e convertelas en referentes

CEIP Espiñeira de Aldán

DUVI | Nenos e nenas do CEIP Espiñeira, en Aldán, traballando conxuntamente con escolares do val de Aosta italiano ao igual que o fan estudantes da illa croata de Korkula con rapaces dunha aldea de Chipre… O proxecto europeo Green SEEDS (Sinergy and Environment to Empower Decentralised Schools) ten como principal obxectivo contrarrestar o risco de illamento das pequenas escolas rurais a través do debate e o traballo conxunto entre profesorado e alumnado de centros educativos situados no rural, en illas ou en montañas de cinco países do sur de Europa. Financiado polo programa comunitario Erasmus+, este proxecto implica o desenvolvemento de actividades formativas conxuntas entre escolas de España, Italia, Croacia, Grecia e Chipre baseadas no patrimonio natural e cultural das súas contornas. Actividades que deseñan e realizan conxuntamente docentes e escolares de diferentes países e que toman como punto de partida o programa formativo deseñado polo grupo de investigación Cies (Cooperación en Investigación para a Equidade Educativa e Social).