Unha tese mostra como detectar déficits na evolución do equilibrio dos nenos e nenas

DUVI | “Os nenos e nenas cun pobre equilibrio terán un maior risco de caídas, pero tamén unha maior dificultade para adquirir habilidades motrices, o que pode derivar nunha peor adherencia ás actividades físicas e implicar un maior sedentarismo”. Deste xeito resume o investigador e mestre de Educación Primaria Jesús García Liñeira a importancia que ten o correcto desenvolvemento do equilibrio e o control postural na infancia, eixo da tese que desenvolveu no programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable do Campus Crea. A investigación que levou a cabo coa participación de preto de 400 escolares de entre 6 e 12 anos permitiulle en primeiro termo confirmar que os acelerómetros constitúen unha ferramenta válida para avaliar o equilibrio da poboación pediátrica, o que á súa vez permitiulle establecer os “valores normativos” para medir a evolución do desenvolvemento motor nesta franxa de idade “con sensores portátiles”, un aspecto, recoñece, “antes inexplorado na literatura científica”.