A xestión forestal centrou a segunda charla en directo a través de Facebook

Charla en directo con Juan Picos

Por segunda vez, a UCC+i organizou unha charla en directo a través da ferramenta Facebook Live. Nesta ocasión, o protagonista foi o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, que explicou diferentes cuestións relativas á xestión forestal e ao uso da silvicultura como ferramenta para a prevención de incendios.

Durante a súa intervención, afondou en diferentes conceptos sobre o uso da silvicultura para a redución da vulnerabilidade fronte aos lumes, mostrando exemplos de sucesos e actuacións realizadas na provincia de Pontevedra.

A silvicultura preventiva é o conxunto de actuacións que busca conseguir unha maior resistencia á propagación dun incendio. Son intervencións que se realizan sobre o combustible forestal, é dicir, a vexetación, e que están destinadas a eliminar o exceso de matogueira e reducir a densidade das árbores. O obxectivo é que estas modificacións eviten que se inicie o incendio ou, se se produce, que a súa propagación sexa difícil e cause poucos danos.

Ao rematar a charla, houbo preguntas sobre diferentes aspectos relativos ás peculiaridades dos montes galegos e aclarou dúbidas sobre xestión forestal na nosa comunidade ou sobre as características que diferencian a unhas árbores fronte a outras.

Desde a UCC+i queremos agradecer a implicación de Juan Picos e a participación das persoas que nos seguiron. A continuación, deixámosvos varias ligazóns para que poidades ver a charla e consultar documentación sobre a mesma.