Expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller na Praza do Berbés

O vindeiro venres 18 de marzo de 2022 a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo organiza a expo-feira científica “A ciencia que vén ten nome de muller”, unha acción que forma parte do plan anual de actividades da UCC+i  “Ciencia de ida e volta” e que conta coa financiación da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología e a colaboración do Concello de Vigo.

Trátase dun evento de divulgación e de fomento das vocacións científicas co que se pretende dar a coñecer á sociedade o traballo do persoal investigador e como os seus estudos favorecen ao avance da sociedade. Nesta actividade terá especial importancia o papel da muller na ciencia, ofrecendo ao público que poida coñecer de primeira man ás investigadoras que están traballando na Universidade de Vigo.

Para iso, colocaremos nunha carpa na Praza do Berbés uns 12 stands (9 sobre proxectos, grupos de investigación ou centros de investigación da institución educativa, un da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo).

Detectives de imaxes, A chispa da neurocienica, Griles e Grettel… Son só algún dos nomes dos obradoiros que se están a organizar para que o público, especialmente o infantil e xuvenil, poida achegarse aos laboratorios universitarios dun xeito lúdico e divertido. Haberá postos sobre tecnoloxía, sobre medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e tamén economía. Desde un obradoiro no que aprender a detectar manipulacións en fotografías, ata outro no que visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas (mariño, de auga doce e terrestre); dun taller de extracción de ADN de plátano ata outro no que se montará unha maqueta dun circuíto eléctrico cunha pila de petaca para simular como flúe a corrente a través dunha neurona.

No caso do posto sobre patrimonio as visitantes e visitantes atoparán actividades relativas á pintura rupestre prehistórica e poderán experimentar o traballo con pigmentos e practicar con algunhas metodoloxías para a súa identificación, estudo e conservación e, no de Griles e Grettel, as diferentes actividades xirarán en torno á lingua (xogos lingüísticos, subtitulado, prexuízos…).

Na mañá do venres 18 de marzo, haberá unha visita pechada de escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis (84 alumnas e alumnos) aos stands da feira e, posteriormente, ás 17 horas abrirase o evento ao público xeral ata as 20 horas.

Agardámosvos!