Vídeo | Feira A ciencia que vén ten nome de muller

A ciencia que vén ten nome de muller

O pasado 18 de marzo a UCC+i organizou a feira “A ciencia que vén ten nome de muller” na praza do Berbés de Vigo. A actividade contou co financiamento da Deputación de Pontevedra e a FECYT, ademais da colaboración do Concello de Vigo. Nela participaron 84 alumnas e alumnos do CEIP Plurilingüe Frián-Teis nunha sesión de mañá. Pola tarde, estivo aberta ao público xeral e contou coa visita de máis de 500 persoas.

A través dunha ducia de postos, persoal investigador da Universidade de Vigo mostrou o traballo que desenvolve co obxectivo de espertar vocacións científicas, en especial entre as nenas e as mozas. En total, foron 57 as investigadoras e investigadores que estiveron preparando esta actividade e que estiveron mostrando o que fan na súa profesión á poboación. Do total, un 63% son mulleres que están traballando na Universidade de Vigo nas diferentes áreas de coñecemento colaborando coas súas investigacións no avance da sociedade.

Desta forma, pretendeuse que tanto a rapazada como as persoas adultas puidesen coñecer de primeira man a mulleres investigadoras para que teñan referentes próximas e actuais alonxadas das que normalmente se tratan no ámbito escolar ou mediático como Marie Curie, Ada Lovelace, etc. O obxectivo era visibilizar a muller na ciencia e que a xente puidese interactuar con elas.