O grupo EcoEvo describe unha nova especie de libélula en Fixi

Nesobasis rito

DUVI | Os estudos que o grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) centra na diversidade de comportamentos de diferentes especies de libélulas fixeron nos últimos anos do arquipélago de Fixi un interesante campo de traballo para os investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal. Nestas illas poden atoparse numerosas especies de libélulas do xénero endémico Nesobasis, ao que agora se incorpora unha nova especie, a Nesobasis rito, que os investigadores do grupo Anais Rivas, Adolfo Cordero e Olalla Lorenzo Carballa describen por primeira vez nun artigo publicado na revista Zootaxa.

Os resultados da análise, tanto morfolóxica como xenética, realizada dunha serie de exemplares recollidos en diferentes localidades da illa de Vanua Levu nos anos 2005, 2009, 2011 e 2018 preséntanse neste estudo, que Cordero, Rivas e Lorenzo Carballa realizaron xunto con Bindiya Rashni, da ONG NatureFiji-MareqetiViti; Hilda Waga-Sakiti e Marika Tuiwawa, da universidade fixiana de South Pacific; e Christopher D. Beatty, da Cornell University estadounidense. “Non foi un traballo dirixido a buscar novas especies, pero si que fora un dos obxectivos da viaxe”, recoñece Anais Rivas, que realizou xunto con Cordero e co apoio dos investigadores locais uns traballos de campo que tiñan como propósito “estudar o comportamento das especies fixianas, xa que non se sabía nada delas”. Posteriormente, tanto Rivas como Lorenzo realizaron a análise xenética que permitiu confirmar que se trataba dunha especie nunca descrita, da que formaban parte tamén, como puideron constatar, algúns espécimes recollidos en expedicións anteriores por Cordero e Beatty.