13 especialistas reivindican a importancia da década de 1950 no despegue do turismo español

DUVI | O período que abarca dende 1951 a 1962 é moito máis importante para a historia do turismo español do que se consideraba ata agora. Así se defende no último monográfico da revista Estudios Turísticos, editada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e coordinada, nesta ocasión, polo catedrático  da Universidade de Vigo Rafael Vallejo, investigador da agrupación estratéxica Ecobas. Foron os anos da primeira etapa do Ministerio de Información e Turismo, co ministro Gabriel Arias Salgado á súa fronte, de aprobación do primeiro Plan Nacional de Turismo, de recuperación tras a etapa bélica e de irrupción do turismo de masas, ata o punto de que en 1962 o país xa ocupaba posicións de liderado mundial.