A intensa actividade humana das últimas décadas provocou unha diminución acelerada da biodiversidade, cunha perda progresiva de especies e ecosistemas a nivel global. Conscientes da importancia da educación e da sensibilización social fronte a esta ameaza, as Nacións Unidas proclamaron o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Respectar e protexer a diversidade biolóxica é fundamental para garantir os recursos naturais esenciais para a vida na Terra.

Neste contexto, A beleza do natural configúrase como un programa de divulgación científica orientado a sensibilizar a cidadanía sobre a importancia da biodiversidade e a necesidade da súa conservación, a través de actividades que combinan ciencia, arte e participación cidadá.

En 2022 aprobouse un plan global, coñecido como Plan de Biodiversidade, que establece medidas concretas para deter a perda de natureza de aquí a 2050. A súa consecución require da implicación colectiva: todas as persoas podemos contribuír a frear o cambio climático e a mellorar a saúde do planeta.

As actividades polo Día Internacional da Diversidade Biolóxica intégranse no plan 5º aniversario Ciencia de ida e volta da UCC+i, que incorpora novas liñas de acción centradas nos grandes desafíos do noso tempo, como o cambio climático, a contaminación e a perda da biodiversidade. Todas as accións incluídas neste plan especial contan co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Programación

I Concurso de fotografía científica A beleza do natural

Do 8 de maio ao 4 de xuño

Este concurso ten como obxectivo promover a valoración da biodiversidade a través da fotografía, premiando as mellores imaxes relacionadas coa natureza. Establécense dúas categorías -público xeral (maiores de 18 anos) e estudantado de primaria e secundaria (entre 8 e 14 anos)-, e permítese a presentación de ata tres fotografías orixinais por persoa participante, en cor ou branco e negro, non xeradas mediante intelixencia artificial. Os premios consisten en dous kits fotográficos.

O concurso contará cun sistema de valoración baseado nun máximo de 25 puntos, no que se terán en conta diferentes criterios. Avaliarase, por unha banda, o contido das imaxes, prestando atención á súa adecuación ao tema e á capacidade de transmitir a idea de «A beleza do natural». Tamén se valorará a creatividade, entendida como a orixinalidade da proposta e o uso dos elementos visuais, non admitíndose imaxes xeradas mediante intelixencia artificial. Outro dos aspectos considerados será a calidade técnica da fotografía, independentemente do dispositivo empregado. Finalmente, a valoración do público terá un peso destacado, outorgando ata 10 puntos ás imaxes máis votadas en cada categoría. A información completa pode consultarse nas bases do concurso.

A votación do público está aberta do 5 ao 10 de xuño a través deste enlace.

Exposición A beleza do natural

Do 21 de maio ao 11 de xuño – Vestíbulo do Pazo Provincial de Pontevedra

Esta exposición, realizada en colaboración con Adolfo Cordero, catedrático e experto en ecoloxía e investigador do grupo de Ecoloxía Evolutiva do campus de Pontevedra, ofrece unha ollada á riqueza e diversidade de animais, plantas e fungos en ecosistemas de distintas rexións do mundo, como Ecuador, Costa Rica, Cuba, Colombia, Azores, Kenya, China ou Australia.

Especializado en entomoloxía, Adolfo Cordero (Tomiño, 1964) ten nos invertebrados os protagonistas máis habituais do seu traballo. A súa actividade docente en Ecoloxía Forestal levouno, ademais, a orientar a súa investigación cara aos bosques tropicais, ecosistemas de enorme complexidade e biodiversidade.

Desde as súas primeiras investigacións no Parque Nacional Pacaya-Samiria, no Perú, desenvolveu proxectos en países como Ecuador (con especial actividade nas illas Galápagos), Colombia, Costa Rica, Brasil, Cuba, República Dominicana, Jamaica, Kenya, China, Fidxi ou Australia, ademais de diversos contextos europeos.

No ámbito fotográfico, o seu enfoque caracterízase por unha mirada fiel ao contexto natural dos organismos. Máis alá da procura de imaxes esteticamente atractivas, o seu obxectivo é mostrar as especies no seu propio ambiente, resaltando as relacións ecolóxicas e a riqueza dos hábitats nos que viven. A través das súas fotografías, ponse en valor a beleza destes ecosistemas e a importancia da súa conservación, ao seren fogar dunha extraordinaria diversidade de especies.

Taller de ilustración científica Ilustrar a natureza

22 de maio – Salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra

Como complemento á programación, o 22 de maio celebrarase un taller de ilustración científica impartido pola artista María Viñas. Haberá unha sesión aberta ao público xeral e outra dirixida a persoas con parálise cerebral, en colaboración con Amencer-ASPACE, asociación de familias de persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuromotores.

A actividade, de balde e con aforo limitado a 20 prazas, require inscrición previa a través da plataforma Eventbrite. O taller combinará unha breve introdución ao traballo da ilustración científica cunha parte práctica de dúas horas centrada na observación e representación botánica.