O Día Mundial da Pesca, creado pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) en 1998, celébrase para pór en valor as comunidades pesqueiras do mundo, así como para destacar a importancia da actividade pesqueira para a vida. Deste xeito, contribúese a fomentar unha pesca sustentable e sostible, con ecosistemas mariños saudables. A Universidade de Vigo realiza numerosas investigacións relacionadas coa pesca e a biodiversidade mariña, e conta co Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), que constitúe un polo interdisciplinario de referencia a nivel local, estatal e internacional no ámbito da xeración e transferencia de coñecemento do mar.
Aproveitando esta efeméride e a importancia da actividade pesqueira en Galicia en xeral, e en Vigo en particular, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo impulsa varias accións de carácter divulgativo en colaboración co CPI do Toural, en Vilaboa, da man do grupo de investigación Future Oceans Lab (FOL) do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo).
Estas accións enmárcanse no plan especial do 5º aniversario do programa Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Programación
Venres 12 de decembro e mércores 18 de marzo
Obradoiros sobre a adaptación da pesca ao cambio climático
O 12 de decembro, un total de 46 estudantes de 1º da ESO do CPI do Toural, en Vilaboa, recibiu unha charla e participou nunha partida do xogo de mesa Adaptafishing 8.5, deseñado polo grupo FOL (Future Oceans Lab – CIM) para poñer en valor a toma de decisións sostibles na xestión dos recursos mariños. A través dunha dinámica lúdica, semellante ao xogo da oca, as e os participantes afrontáronse a diferentes escenarios climáticos e aprenderon sobre a conservación dos ecosistemas e das áreas mariñas protexidas. Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, en Vigo, recibiu a mesma actividade o día 18 de marzo para un total de 49 estudantes de 6º de educación primaria.
Adaptafishing 8.5 baséase nun estudo científico desenvolvido polo grupo Future Oceans Lab no que se analiza, seguindo as proxeccións climáticas do IPCC ata o ano 2100, como distintos escenarios de quecemento (incluído o máis extremo, o RCP8.5) afectan ás especies mariñas de interese pesqueiro da costa galega.
O xogo de mesa, que se distribuiu en centros de ensino de toda Galicia, acompáñase dunha guía de uso para contextos educativos. Esta versión conta con ilustracións de Rubén Vila, deseñador freelance con experiencia en proxectos de cartelaría, branding, videoxogos e xogos de mesa.
Mércores 17 de decembro
Mural colaborativo con lixo mariño
No mesmo centro, o alumnado elaborou un mural colaborativo a partir de refugallos mariños, unha peza que permanecerá no centro como lembranza da experiencia. A actividade foi conducida pola artista Mar Fraga, de Enmalle Studio, especializada na reutilización de materiais mariños con fins creativos, que estivo acompañada da investigadora Antía Iglesias. Ademais, a rapazada recibiu un adorno de Nadal reciclado a partir dunha boia de flotación das redes e un cabo recuperado.






