No ano no que se cumpre medio século da morte da escritora de misterio máis lida da historia e aproveitando a celebración do Día Mundial do Teatro, a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, en colaboración coa actriz e directora teatral Cristina Collazo, realizou unha adaptación científico-divulgativa da novela Un cadáver na biblioteca, de Agatha Christie.

A actividade experiencial, dirixida por un equipo multidisciplinar de grupos de investigación, consistiu nunha obra de teatro inmersiva, con probas e retos baseados no seu traballo investigador, e acompañados da ambientación na época literaria e no contexto histórico.

O museo municipal Quiñones de León de Vigo foi o escenario da representación, na que o alumnado participante tivo un rol protagonista. Conducidos por Mónica Camaño, no papel da Señorita Marple, personaxe icónica creada por Agatha Christie, o estudantado de 1º da ESO de catro centros educativos de Vigo realizou diferentes probas e experimentos ata descubrir quen asasinou a protagonista da obra, Ruby Keene, interpretada por Adriana Santos Muñoz.

Os investigadores Tino Quintela, Guillermo Blanco e André Vidal asumiron os papeis de Marqués de Quiñones de León, Mark Gaskell e Raymond Starr, respectivamente. Pola súa banda, as técnicas da UCC+i e Víctor Martínez Mariño encarnaron o persoal do servizo. O elenco completouse coa voz en off de Cristina Collazo (Josie), Zé Paredes (Basil Blake) e Manu Paino (Gastón). O espazo sonoro foi obra de Marcos Paino.

Misterio no pazo é unha actividade que fomenta o traballo en equipo e o pensamento crítico. A través da fusión de ciencia e teatro, os participantes experimentan a emoción de ser detectives nun mundo cheo de sorpresas e misterios por descubrir. De forma lúdica e participativa, o público asimila conceptos científicos relacionados coa investigación forense.

Esta acción forma parte do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e coa colaboración do museo municipal Quiñones de León do Concello de Vigo.

Descubrindo a Agatha Christie: contexto, curiosidades e legado literario

O alumnado participante tamén recibiu unha pequena charla sobre a vida e obra da escritora británica Agatha Christie, contextualizando o período histórico no que desenvolveu a súa produción literaria e afondando nalgunhas das súas obras máis emblemáticas e nas personaxes que a converteron na gran dama do misterio, como Hercule Poirot ou Miss Marple. A sesión permitiu poñer en valor a enorme influencia da autora na literatura contemporánea e tamén na súa proxección cinematográfica, ao tempo que se recomendaron lecturas adaptadas a distintos públicos, especialmente ao xuvenil.

Nesta actividade participaron membros da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), que forman parte do grupo de investigación TALES (Translation, Accessibility, Literature, and Screen) e do grupo de innovación docente GTICH da Universidade de Vigo. En concreto, interviron Helena Cortés, Ana Fernández, Jesús Meiriño, Lourdes Lorenzo, Ana Pereira e Beatriz Rodríguez, especialistas en Literatura Infantil e Xuvenil e na súa tradución nos ámbitos lingüísticos inglés e alemán.

Programación

Mércores, 4 de marzo

Teatro e Ciencia | Alumnado dos IES Álvaro Cunqueiro e Alexandre Bóveda

Xoves, 5 de marzo

Teatro e Ciencia | Alumnado dos IES Carlos Casares e Jesuitinas Miralba

Quen asasinou a Ruby Keene? Con esta premisa, 200 alumnos e alumnas de catro centros educativos de Vigo sumerxíronse no universo de Agatha Christie. A través dunha adaptación científico-divulgativa da novela Un cadáver en la biblioteca, o alumnado experimentou a emoción da investigación e achegouse ao método científico para analizar pistas, formular hipóteses e tratar de resolver o misterio.

O museo municipal Quiñones de León de Vigo foi o escenario da representación os días 4 e 5 de marzo de Misterio no pazo. Conducidos por Mónica Camaño, no papel da Señorita Marple, personaxe icónica creada por Agatha Christie, o estudantado de 1º da ESO de catro centros educativos de Vigo tivo que realizar diferentes probas e experimentos científicos ata descubrir quen asasinou a protagonista da obra, Ruby Keene, interpretada por Adriana Santos Muñoz.

Para a adaptación das probas creouse un equipo multidisciplinar integrado por diversos grupos de investigación da UVigo, cuxos integrantes, ademais de encargarse do contido científico da obra, asumiron tamén o papel de intérpretes. O estudantado, dividido en grupos, colaborou co cadro investigador na resolución do caso a través de diferentes probas científicas.

A primeira das probas centrouse na recollida de mostras de ADN, de pegadas e na análise toxicolóxica, nunha actividade deseñada polo grupo de Xenética Evolutiva e Conservación da Biodiversidade. Outra das probas foi a de Palinoloxía, coordinada por Celestino Quintela e Nerea Cazás, integrantes do grupo de Análise de Concas Sedimentarias do CIM. A través da recollida e estudo de restos de pole presentes na roupa das persoas sospeitosas, o equipo detectou posibles incursións da natureza na escena do crime e achegou novas pistas que permitiron identificar a persoa responsable. A terceira proba xirou arredor do idiolecto e estará dirixida por Guillermo Blanco, do grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración. Co apoio das rapazas e rapaces, analizáronse as distintas formas de falar das persoas implicadas para tratar de achegar luz sobre a autoría do crime.

Coas conclusións extraídas dos distintos experimentos e coa colaboración da señorita Marple, o alumnado participante reconstruíu os feitos para descubrir quen foi o responsable do asasinato de Ruby Keene.

Xoves, 9 de abril

Teatro e Ciencia | Público xeral

Como peche da celebración do Día Mundial do Teatro, a UCC+i lanza unha función extra de Misterio no Pazo. Nesta ocasión, a representación estará dirixida a público familiar da Universidade de Vigo e aberta ao publico xeral. A actividade desenvolverase no museo Quiñones de León e contará con dous pases consecutivos: un primeiro ás 17.30 horas e un segundo ás 18.30 horas, cun máximo de 50 persoas en cada sesión. O acceso realizarase mediante reserva previa a través dun formulario habilitado na plataforma Museos Educa, e a participación será de balde ata completar aforo. Nesta nova sesión, a actividade ábrese ao público xeral e á comunidade universitaria da UVigo, co obxectivo de “maximizar o alcance da iniciativa e optimizar o aproveitamento do traballo artístico, técnico e científico previamente desenvuelto”, explican dende a Unidade de Cultura Científica.