Feira Sabarís

O vindeiro 29 de maio, o mercado de Sabarís (Baiona) acollerá a expo-feira científica “A ciencia que vén”. Este evento, organizado pola Unidade de Cultura Cienttífica e da Innovación, pretende achegar a ciencia e a investigación da Universidade de Vigo á cidadanía dun xeito lúdico e participativo.

Ao longo da xornada, poderanse visitar arredor de 20 obradoiros interactivos, onde grandes e pequenos poderán achegarse ao fascinante mundo da investigación científica. En horario de mañá, a feira recibirá a visita do alumnado de 5º e 6º de primaria dos centros educativos do concello.

Pola tarde, a cita está aberta a todas as familias, con entrada libre e gratuíta, para que poidades gozar dunha tarde diferente e chea de curiosidade científica.

Obra de teatro de marionetas para poñer en valor o papel das nenas e mulleres na ciencia, mediante un enfoque lúdico e educativo, utilizando a acuicultura galega como base. Tras a obra presentamos un obradoiro no que aprendemos a usar ferramentas como microscopios, lupas e outro material de laboratorio, ademais realizaremos tarefas de manualidades relacionadas coa acuicultura.

Obradoiro no que os participantes poderán aprender como limpar auga contaminada a través da degradación de compostos, montaxe de filtros nunha depuradora e utilización de partículas magnéticas

Este posto permitirá ás persoas participantes descubrir o mundo dos satélites, especialmente os CubeSat,  interactuar con maquetas a escala real e aprender sobre o deseño e funcionamento destes dispositivos.

Percorrido polo mundo da criptoloxía, recollendo os métodos de codificación máis salientables, xunto coas súas debilidades e fortalezas que se ilustrarán con distintos xogos e actividades de manipulación.

Nesta actividade o público poderá descubrir como a química e os materiais intelixentes están presentes en elementos tan cotiáns como a col lombarda. Empregando produtos habituais como vinagre ou bicarbonato, as persoas asistentes observarán en directo sorprendentes reaccións e comprender, dun xeito ameno e participativo, como a ciencia permite crear materiais sensibles e innovadores con múltiples aplicacións.

Experiencia educativa inmersiva creada polo CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, para formar a estudantes, docentes e familias a través da experimentación e a gamificación.

Obradoiro interactivo de identificación de minerais. A proposta combina a manipulación de exemplares reais da colección “Manuel de Sas de la Encina” cunha experiencia inmersiva no Metaverso.

Experiencia participativa onde os asistentes comprobarán como as decisións agrícolas inflúen no crecemento das plantas e na sostibilidade.

A actividade combinará materiais visuais, infografías e dinámicas participativas para fomentar a reflexión sobre o papel do dereito na promoción da igualdade de xénero e dos dereitos das persoas.

Neste posto as cianzas poderán identificar e clasificar residuos atopados nas praias, ademais de identificar diferentes bivalvos e moluscos e simular o seu cultivo.

Actividade participativa pensada para achegar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible á cidadanía dun xeito dinámico, sinxelo e creativo.

Prepárate para mergullarte no presente e no futuro da detección avanzada de riscos en estradas mediante técnicas automatizadas de última xeración. Desde técnicas remotas e intelixencia artificial ata metodoloxías BIM e a integración de ensaios non destrutivos.

Obradoiro interactivo con experimentos e exhibicións para achegarse ás distintas áreas da enxeñaría industrial —química, materiais, electrónica, automática, robótica, biomédica, etc— para ver como a ciencia e a tecnoloxía transforman o mundo que nos rodea.

Exploremos xuntos a vida do microcosmos oceánico e toda a información que podemos obtener con un microscopio!

Usas habitualmente os chatbots, pero coñeces como funcioan realmente estas ferramentas e que riscos supoñen? Neste posto aprenderás a empregalos correctamente e descubrirás os seus riscos e tódalas súas utilidades.

Este posto converterá a química nun auténtico espectáculo cheo de cor, burbullas e experimentos sorprendentes. Un espazo pensado para experimentar, sorprenderse e achegarse á química dunha maneira divertida, visual e moi interactiva.

A próxima xeración de comunicacións utilizará luz e a física cuántica para transmitir información de forma máis rápida e segura. Neste espazo mostraremos cómo funcionan os sistemas fotónicos e os chips integrados que están transformando as telecomunicacións.

O maior equipo universitario de aeromodelismo e foguetería nado en Galicia. Transforman a teoría das aulas en aeronaves e foguetes listos para competir a nivel internacional, co obxectivo de impulsar os seus coñecementos en enxeñaría.

Os membros da escudería UVigo Motorsport amosarán un dos seus monoprazas, deseñado e fabricado polo propio estudantado e co que participan nas competicións automobilísticas máis importantes do mundo.

Preséntanse as investigación gañadoras de Pontenciencia, feira expositiva de proxectos de investigación escolar aberta ao público, cuxo obxectivo principal é poñer ao alcance da cidadanía un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Proxecto organizado polo Concello de Pontevedra coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.