A Olimpíada Galega de Historia busca 30 equipos dispostos a pór a proba os seus coñecementos

Olimpiada Galega de Historia

DUVI | A Facultade de Historia do campus de Ourense ten xa aberto o prazo para inscribirse na súa IV Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós. A cita volve á palestra co obxectivo de fomentar entre o alumnado preuniversitario a curiosidade e o interese por este ámbito de coñecemento e polos estudos nesta área. Debido á pandemia, a competición desenvolverase prioritariamente de xeito virtual, aínda que se a situación sanitaria o permite a fase final podería ser presencial.

Os obxectivos desta iniciativa son unha vez máis promover o interese do alumnado de Educación Secundaria pola Historia; visibilizar a importancia desta materia no currículo formativo do alumnado e destacar o aspecto lúdico da aprendizaxe da historia. A olimpíada tamén quere estreitar as relacións entre os centros de ensino secundario galegos e a Universidade de Vigo; dar a coñecer a Facultade de Historia e o campus de Ourense entre o alumnado interesado no ámbito humanístico e igualmente fomentar a relevancia das disciplinas humanísticas para a comprensión do mundo actual e a súa mellora. “Estamos moi ilusionadas porque xa estamos na cuarta edición desta olimpíada e xa conseguimos que sexa coñecida”, comenta Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia.