DUVI | A comarca do Deza será o escenario da cuarta edición da expo-feira científica ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, que terá lugar o vindeiro venres 30 de maio en Lalín. Por primeira vez, a feira celebrarase fóra das cidades nas que se asentan os campus da Universidade de Vigo, co obxectivo de descentralizar a divulgación científica e contribuír ao impulso do desenvolvemento local. Con máis de 20 actividades interactivas, a feira busca espertar a curiosidade científica e fomentar as vocacións STEM entre as crianzas e a mocidade, sen perder de vista o público xeral. A través de obradoiros, experimentos, charlas, arte e espectáculos, a xornada convida a descubrir que a ciencia tamén se fai fóra dos laboratorio e está presente na vida diaria, ao tempo que pretende achegar referentes femininos no ámbito investigador, visibilizando o traballo das científicas da UVigo.