A UVigo reforza o seu compromiso coa divulgación coa publicación da 5ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’

DUVI | A Universidade de Vigo volve dar un paso adiante no seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da quinta edición do catálogo Quero ser investigadora. Nesta nova entrega, o proxecto adáptase á evolución do seu público cun cambio de formato que busca achegar aínda máis a realidade das científicas á rapazada: entrevistas en estilo directo, un audiolibro narrado polas propias protagonistas e unha versión de lectura fácil.