As estratexias de márketing móbil baseadas na localización xeran unha actitude positiva cara a compra

Tese Sara Teixeira

DUVI | Dispositivos como os teléfonos móbiles fan que boa parte da cidadanía permaneza conectada en todo tempo e en todo lugar, o que á súa vez proporciona ás empresas novas posibilidades á hora de comunicarse cos seus potenciais consumidores. Identificar as ferramentas de márketing móbil, o conxunto de técnicas de promoción baseadas no uso destes dispositivos, cunha influencia positiva na intención de compra dos consumidores españois e portugueses era o obxectivo central da tese de doutoramento de Sara Teixeira, a primeira que analiza os efectos destas técnicas no comportamento do consumidor ibérico. As opinións reunidas na súa investigación, tanto de expertos como de clientes, permitiron á xa doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo constatar as actitudes positivas cara a adquisición de produtos e servizos que xeran as diferentes ferramentas centradas na localización, como as alertas, mensaxes ou promocións baseadas na posición xeográfica dos potenciais clientes.