DUVI | Docentes de Uganda e Tanzania participan esta semana na Universidade de Vigo nun curso de formación organizado ao abeiro do proxecto internacional BHE Ahumain, Applied human machine intelligence in east Africa, unha iniciativa de cooperación educativa que ten como obxectivo impulsar a intelixencia artificial e a ciencia de datos no leste de África creando un plan de estudos que permita formar as enxeñeiras e enxeñeiros do futuro.
A formación arrancou este luns no edificio Redeiras, onde foron recibidos pola vicerreitora de Investigación e Transferencia Belén Rubio; a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea, e os tres responsables deste proxecto na UVigo: a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e os docentes Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, todos eles investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática e do centro atlanTTic.