O vindeiro venres 21 de abril de 2023 dá comezo unha nova edición da expo-feira científica “A ciencia que vén ten nome de muller”, acción organizada pola Universidade de Vigo que forma parte do programa anual “Ciencia de Ida e Volta” da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo (UCC+I) e que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología; así coma coa colaboración do Concello de Vigo.
O obxectivo do evento é o fomento de vocacións científicas e a divulgación, coa que se pretende achegar o traballo do persoal investigador e os beneficios dos seus estudos para o avance á sociedade. Ten especial importancia nesta actividade o papel da muller na ciencia e na investigación, ofrecendo unha vez máis, a posibilidade de achegarse ás investigadoras que están nestes momentos traballando na Universidade de Vigo.
Durante a xornada do venres, colocaremos doce stands con diferentes propostas na Praza do Berbés. Dez serán sobre proxectos, grupos e centros de investigación, un da Unidade de Igualdade da UVigo e un máis informativo sobre a Deputación de Pontevedra.
As liñas temáticas da acción céntranse no medio ambiente, a saúde, a tecnoloxía e o patrimonio con obradoiros con nomes tran variopintos como A importancia das algas microscópicas mariñas, De Galiza ao espazo! e Realidade virtual e realidade aumentada, dirxidos especialmente a rapaces e rapazas.
A xornada comezará ás 12:00 h con cunha visita concertada con rapaces de 5º de primaria do Ceip García Barbón de Vigo e á tarde, a partir das 16:00 horas abrirase o recinto ao público xeral ata as 19:30 horas.
Paralelamente a esta exposición, contaremos coa colaboración do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo no que se organizará unha visita concertada ao planetario ás 16:00 horas. Adolfo García Campos, Capitán da Mariña Mercante e profesor de Navegación no IPMPA será o encargado de guiar aos visitantes da sesión. Para esta actividade, contaremos cun aforo limitado de 40 persoas, que poderán reservar praza nesta ligazón.
A xornada rematará cunha conferencia de peche ás 19:15 horas no Edificio Redeiras, a cargo de Nair Varela Rouco, investigadora en evolución do cancro e integrante do centro de Investigacións Biomédicas Cinbio, da UVigo. Varela Rouco fará un percorrido por historias de mulleres relevantes na investigación.
Agardámosvos!