DUVI | O Instituto Español de Oceanografía e o grupo de investigación Geoma do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo están a colaborar na posta en marcha do proxecto de investigación Antropimar, un estudo coordinado polo IEO que permitirá analizar o impacto ambiental histórico das actividades humanas, desde presenza de microplásticos ata todo tipo de contaminantes, ao longo dos estuarios e plataforma da costa norte da península ibérica. O equipo de científicos e científicas implicadas no proxecto tratarán tamén de definir no rexistro xeolóxico o período definido como Antropoceno, un termo xeolóxico recente co que se trata de definir o intervalo xeolóxico actual, que comezou hai 12.000 anos e que está marcado polo significativo impacto global que as actividades humanas tiveron sobre os ecosistemas.