Investigadores galegos recomendan a agrupación en clústeres dos bancos marisqueiros das Rías Altas

Miguel Ángel Nombela e Anxo Mena

DUVI | A revista internacional Sedimentology, líder no seu campo, acaba de publicar os resultados dunha investigación na que un equipo de investigadores galegos consegue, a través do emprego dunha nova metodoloxía de análise estatística, agrupar os bancos marisqueiros en clústeres seguindo a composición, derivada da súa imprenta xeolóxica, e a textura do sedimento, directamente relacionados coa súa contorna e a súa maior ou menor influencia terríxena ou, o que é o mesmo, coa súa maior ou menor influencia mariña. Esta agrupación dos bancos marisqueiros das Rías Altas, realizada en base ás súas propias características sedimentarias, suporía un paso adiante á hora de controlar todos os factores que inflúen na produtividade de cada banco e de xestionar cada un deles segundo as súas propias necesidades.