DUVI | Como xa fixera na súa inauguración en 2009, a Universidade de Vigo colabora coa conmemoración do décimo aniversario do Observatorio Astronómico de Forcarei a través da mostra 400 lúas emocionadas, do catedrático de Escultura da Facultade de Belas Artes Juan Fernando de Laiglesia. A exposición, que forma parte dos actos de celebración que se organizan mañá venres, estará aberta ao público no Concello de Forcarei ata o vindeiro venres 11 de outubro, en horario de 8 a 15 horas.
Ademais, a conmemoración completarase cunha exposición divulgativa itinerante no IES Chano Piñeiro de Forcarei sobre o satélite Gaia da Axencia Espacial Europea, titulada Mil millóns de ollos para mil millóns de estrelas, da que é comisaria para Galicia a profesora do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo Ana Ulla, xunto coa docente da Universidade da Coruña Minia Manteiga.