O Campus Crea impulsa unha revista científica internacional de carácter multidisciplinar

Revista Campus CREA

DUVI | International Multidisciplinary Journal Crea (IMJC) é o nome da revista científica electrónica, de carácter internacional, impulsada polo Campus Crea. De acceso aberto e inserida no portal de revistas do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, esta publicación nace “coa finalidade de conectar diversas disciplinas científicas” e contribuír ao debate e divulgación “nun terreo aínda bastante inexplorado” como é o da interdisciplinariedade, sinalou o vicerreitor do campus, Jorge Soto. Co propósito así mesmo de representar ás diferentes áreas de coñecemento do campus, trátase dunha publicación estruturada en catro seccións, que busca “publicar investigacións de alta calidade” nos ámbitos de deportes, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión pública; medio ambiente e natureza e arte, comunicación e sociedade, xunto con estudos realizados por grupos interdisciplinares.