O Campus do Mar busca nas aulas respostas aos retos de futuro dos océanos

DUVI | O proxecto Desafíos do océano: científicas ao mando dá o salto ás aulas. Esta iniciativa, posta en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT, ten como obxectivo dar a coñecer a investigación que desenvolven mulleres científicas das institucións que pertencen ao campus de excelencia internacional. Con esta finalidade, unha das primeira actividades que se realizan ao abeiro deste proxecto é un concurso escolar dirixido a alumnado de primeiro de bacharelato de todos os centros educativos españois. O obxectivo é “espertar vocacións e achegar de xeito directo ás vindeiras xeracións a temas de candente actualidade nas ciencias mariñas a nivel global que constitúen os desafíos de futuro para os océanos, para o planeta e para a humanidade”, salienta Daniel Rey, director do Campus do Mar.