DUVI | 729 páxinas nas que se describe, “cun detalle inédito”, como España se converteu nun dos principais destinos turísticos internacionais. O catedrático de Historia Económica da Universidade de Vigo Rafael Vallejo acaba de publicar o libro Historia del turismo en España 1928-1962, unha minuciosa investigación na que se poñen números e datos á que, no seu día, fora bautizada como “industria dos forasteiros” e na que se analiza o despegue do turismo neste país e o boom das denominadas empresas turísticas, incluíndo axencias de viaxes, industria hoteleira e toda a oferta de aloxamentos extrahoteleiros (campings, bungalows, urbanizacións, apartamentos…), que convivían ademais co tradicional aluguer de vivendas en domicilios particulares.