Podcasts Ciencia de Ida e Volta con motivo do Día Mundial dos Océanos

Podcasts Ciencia de Ida e Volta

Dentro do noso plan de actividades “Ciencia de Ida e Volta”, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo elaborou e difunde unha serie de cinco podcasts en conxunto co medio de divulgación científica GCiencia con motivo do Día Mundial dos Océanos (8 de xuño). Trátase dunha serie de entrevistas con investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo que explican o seu traballo vinculado ao coidado dos nosos mares.

Así, a UCC+I e GCiencia únense para abordar esta cuestión dende múltiples perspectivas e afondando en temas como o cambio climático, a humidade oceánica e a climatoloxía, o sector pesqueiro, a contaminación ou a educación da sociedade respecto do medio mariño. Todo dunha forma dinámica e amena para que a sociedade poida coñecer a aportación do persoal investigador da Universidade de Vigo no avance deste tema.

A xornalista de GCiencia, Laura Veiga, é a condutora do espazo no que a través dunha charla afondarase nos últimos avances a este respecto coa investigadora Raquel Nieto de Ephyslab; a coordinadora do grupo Future Oceans Lab, Elena Ojea; o catedrático e coordinador do grupo Ecotox, Ricardo Beiras; a investigadora do Departamento Comunicación Audiovisual e Publicidade, Beatriz Legerén; e os investigadores Fran Ramil e Marta Gil, do grupo EcoAfrik.

Durante estas charlas, abordamos cuestións relativas á contaminación mariña por plásticos, á precipitación que cae nos continentes, que é subministrada pola humidade que provén directamente do océano, ou coñecemos o informe Cambio Climático 2022: Impactos, Adaptación e Vulnerabilidade, a máis recente avaliación do IPCC. Igualmente, descubrimos novas especies e xéneros dos ecosistemas bentónicos africanos e afondamos no proxecto Misión Azul, que ten por obxectivo a alfabetización científica mariña e de formación do profesorado.

Aquí poderedes descubrir o traballo destas persoas! Dádelle ao play!