Por que a xestión da crise do coronavirus e a da política climática teñen puntos en común?

Charla en directo con Xavier Labandeira

Na última charla en directo organizada pola UCC+i a través da ferramenta Facebook Live, contamos coa participación do catedrático de Economía da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira. O investigador fixo unha reflexión sobre a situación actual xerada pola pandemia do coronavirus relacionándoa co seu ámbito de estudo: a economía do cambio climático. Así, baixo o título de “Leccións cruzadas entre as políticas climáticas e a crise do Covid-19″, quixo explicar os puntos en común que existen entre a xestión destas dúas cuestións que nos afectan a nivel global.

Durante a súa intervención, unha vez analizada esta relación, puidemos sacar leccións cruzadas, establecendo unha bidireccionalidade entre os dous temas, xa que que hai postulados comúns que inflúen reciprocamente en ambas. Posteriormente, abordou os desafíos que esta situación nos presenta e suxeriu algunhas pautas de actuación que se deben ter en conta para superar esta crise de tal forma que esta sexa unha oportunidade para avanzar na loita contra o cambio climático.

Unha vez rematada a charla, houbo preguntas sobre diferentes aspectos relativos a como se debería xestionar a saída desta crise a nivel local e global, buscando exemplos de como o están facendo noutros países e presentando reflexións sobre elementos que se deben ter en conta para que isto sirva para avanzar na sostenibilidade da sociedade.

Queremos agradecer a implicación de Xavier Labandeira nesta iniciativa e a participación das persoas que nos seguiron e fomentaron o debate. A continuación, animámosvos a pinchar na seguinte ligazón para afondar neste tema.