Primeiras veces, primeiras impresións

Charla en directo. Anais Rivas

A UCC+i organizou onte por primeira vez unha charla en directo a través da súa páxina de Facebook. A protagonista foi a investigadora da Universidade de Vigo, Anais Rivas Torres, que pertence ao grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación.  Nela explicou o obxecto das súas investigacións, baseadas no estudo do comportamento sexual das libélulas e foi contando as súas viaxes para realizar o traballo de campo, ademais de explicar o que fai no laboratorio e outras curiosidades propias dunha investigadora que percorreu diferentes lugares polo mundo.

Dada a situación actual de confinamento, eran moitas as complicacións coas que nos atopabamos: estar lonxe da investigadora, as cuestións técnicas vinculadas á ferramenta de Facebook Live ou as propias dificultades do directo, pero iso non nos detivo, nin á UCC+i nin á propia científica.

Durante a súa intervención, Anais Rivas explicou como analiza o comportamento sexual das libélulas e foi facendo un percorrido polos países nos que estivo facendo traballo de campo, explicando a súa experiencia e mostrando peculiaridades das persoas e das costumes de cada lugar que lle chamaron a atención.

Houbo preguntas sobre algunhas destas tradicións, tamén sobre o seu traballo e sobre a súa propia vida. Foi unha hora na que descubrimos algo máis sobre a vida das libélulas e as arañas e viaxamos por Fiji, Cuba, México, Ecuador, Galápagos, Sidney, etc.

Desde a UCC+i queremos agradecer a implicación da investigadora Anais Rivas e a participación das persoas que nos seguiron. As primeiras veces son as máis complicadas pero tamén son as que nos dan impulso para seguir adiante e nós imos continuar, porque todo vai saír ben.