Un estudo busca coñecer se o uso da realidade virtual para facer exercicio altera os niveis de estrés

grupo HealthyFit

DUVI | Avaliar, a través de marcadores biolóxicos como o cortisol e a alfa-amilasa, as alteracións nos niveis de estrés que pode producir o uso da realidade virtual para desenvolver un programa de actividade física. Ese é o obxectivo do estudo que nestas semanas desenvolven investigadores do grupo HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, coa colaboración de alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do campus. Nestas semanas, máis de 30 integrantes da comunidade universitaria participaron nun estudo para o que buscaban unha mostra integrada por persoas de diferentes idades e estados de forma que non empregaran previamente un dispositivo de realidade virtual. As e os participantes debían realizar, como sinala o investigador Pablo Campo, “unha sesión de exergaming”, enfrontarse a un videoxogo que implica o desenvolvemento de actividade física, co propósito de poder coñecer, a través da análise da saliva, “os seus niveis de cortisol, que é unha hormona marcadora do estrés, antes e despois da proba”, como explica o responsable do grupo HealthyFit, José María Cancela.