DUVI | Definir unha serie de propostas que permitan mellorar a atención das vítimas de violencia machista no Ecuador desde unha perspectiva de xustiza terapéutica constituía o propósito central do proxecto que o grupo de investigación PS1 da Universidade de Vigo e a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveron ao longo do último ano co financiamento da Xunta, a través de Cooperación Galega. Tras a realización de 136 entrevistas a vítimas na cidade ecuatoriana de Cuenca, esta investigación permitiu detectar necesidades de mellora no referido á implantación de medidas de protección ás vítimas e nos programas de acompañamento, así como a necesidade das denunciantes de obter maior información do proceso xudicial.