DUVI | Campionatos de Europa, do mundo, nacionais… foron historicamente xestionados polas federacións deportivas, pero cada vez é máis habitual a aparición de operadores privados que lle disputan ese monopolio, sobre todo no ámbito da organización das competicións deportivas profesionais, nas que conflúen a maioría dos intereses económicos do deporte, sobre todo en forma de patrocinios e dereitos audiovisuais. Así se expón na tese de doutoramento do avogado Ignacio López, un estudo no que se analizan en profundidade as relacións entre o dereito da competencia europeo e o deporte e no que se advirte de xeito claro e contundente do “inevitable choque” entre ese histórico monopolio das federacións e os novos operadores privados, que organizan competicións ao marxe desas federacións.