101 alumnas e alumnos de 13 institutos de toda Galicia participaron coa UVigo no Bacharelato de Excelencia STEMBach 2022

Imaxe xeral do paraninfo do edificio Ernestina Otero durante o acto

DUVI | Tras dous cursos de intenso traballo nos que tiveron unha materia ‘extra’ con respecto ao resto dos seus compañeiros de clase, a Universidade de Vigo recoñeceu este luns o esforzo e dedicación das 101 alumnas e alumnos de 13 institutos de toda Galicia que elixiron a Universidade de Vigo para participar no Bacharelato de Excelencia STEMBach 2022, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e á que a Universidade de Vigo se uniu “con entusiasmo” desde o seu lanzamento, no curso 18-19. A entrega de diplomas, celebrada no paraninfo do edificio Ernestina Otero, foi un lugar de encontro para todos os colectivos que, de xeito totalmente voluntario, destinaron folgos e enerxías a que os proxectos saísen adiante: as mozas e mozos que decidiron participar na iniciativa; os docentes, tanto de ensino universitario como de ensino medio, que os axudaron e guiaron no camiño que os levou a entender mellor como funciona a ciencia e, tamén, as familias, por todo o apoio prestado.