Docentes e investigadoras, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, conmemoran con diversas actividades o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.
O obxectivo é darlle visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, crear referentes femininos no campo da ciencia e da enxeñaría, e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.
CHARLAS DA INICIATIVA 11 DE FEBREIRO
Ao longo do mes de febreiro, un total de 37 investigadoras e dous investigadores da Universidade de Vigo ofreceranlles, a 35 centros educativos de toda Galicia, 65 charlas presenciais e virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.
CHARLA INTERXERACIONAL
Na tarde do mércores 9 de febreiro terá lugar en Vigo unha charla interxeracional na que catro investigadoras da Universidade de Vigo compartirán as súas experiencias como mulleres na ciencia.
Este evento dará comezo ás 19.00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés, e será de acceso libre ata completar a capacidade.
Moderará Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, e contará coa intervención das seguintes investigadoras:
- Talía Rodríguez Martelo, docente e investigadora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade
- Cristina Delgado Núñez, docente e investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal
- Susana Reboreda Morillo, docente e investigadora da Área de Historia Antiga
- Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic
BRAVXS
Dende a Unidade de Igualdade tamén quixeron traballar cos colexios da contorna para ofrecer referentes femininas na ciencia. Para isto, enviaron aos 324 colexios públicos de primaria das provincias de Pontevedra e Ourense a colección de caretas, ilustradas por Marta Riera, ex-profesora da Facultade de Belas Artes, coas que a Unidade pretende dar visibilidade a mulleres destacadas no mundo da ciencia e a enxeñaría.
Ademais veñen de incorporarse catro novas figuras a esta colección: Katherine Johnson, Katalin Karikó, Valentina Tereshkova e Margaret Hamilton.
ELAS FAN CIENTEC
A sexta edición deste programa de obradoiros para rapazas de secundaria realizarase a mañá do 11 de febreiro con catro centros educativos da provincia de Pontevedra. Así, as docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade, organizaron as seguintes actividades para conmemorar esta data.
Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e IES Illa de Tambo (Marín)
As rapazas participarán nos seguintes obradoiros:
- Un día entre moléculas
- Síntese de nanopartículas en disolución
- Propiedades dos materiais na escala dos nanómetros
- Avaliar a resposta inmunitaria no laboratorio
- Cromosomas sexuais e herdanza ligada ao sexo. Experimentos con Drosophila melanogater
Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e IES Antón Alonso Ríos (Tomiño)
Os obradoiros aos que acudirán as alumnas consistirán en:
- Lego Robotics
- Programación dun xogo con Scratch
- Introdución á programación web e ao seu funcionamento
Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e IES do Castro (Vigo)
As estudantes formarán parte das seguintes actividades:
- Xincana Science Games: Catching Fire
- Concurso grupal The Wall
- Física e astrofísica para explicar o universo
- A febre dos materiais
- Os minerais, testemuñas da historia: desde Altamira ata a arte urbana!
Escola de Enxeñaría Industrial e IES Valadares (Vigo)
A temática dos obradoiros consistirá en:
- Termografía infravermella
- Deseño e prototipado
- Espazo de exposición Open Lab
Máis información aquí.