DUVI | Ensinanza de español en contextos multiculturais, literatura e memoria histórica, grazas e desgrazas no ensino deste idioma en Estados Unidos, análises das implicacións de ChatGPT para a didáctica da lingua ou mesmo influencia da tradición poética hispánica nas cancións do grupo La Oreja de Van Gogh. Estes son só algúns exemplos das máis dun cento de comunicacións que se presentan esta semana no LVII Congreso Internacional da Asociación Europea de Profesores de Español, AEPE, unha cita que arrancou hoxe luns na Facultade de Filoloxía e Tradución e que reúne a participación de arredor de 130 docentes chegados desde máis dunha vintena de países, tanto de Europa (España, Grecia, Italia, Eslovaquia, Suíza, Francia…), como de América (Estados Unidos, Brasil, Perú, Colombia, Chile…), Asia (China, Xapón, Taiwan, Israel…), e tamén África (Marrocos). 80 participan no congreso de xeito presencial e arredor de medio centro fano desde os seus respectivos países a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.