DUVI | Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o campus de Ourense acolleu a feira divulgativa Exxperimenta en feminino, a III Xornada de divulgación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Co obxectivo de darlle continuidade ao seu labor de espertar en rapaces e rapazas a vocación científica a través de referentes femininos, as súas promotoras poñen agora en marcha unha mostra itinerante por centros educativos do sur de Galicia.
Formando parte de Exxperimenta en feminino, a iniciativa conta igualmente con financiamento da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e está coordinada polas profesoras do campus de Ourense Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Trátase, apuntan as responsables do proxecto, “dunha actividade máis que se incluíu dentro de Exxperimenta para darlle continuidade no tempo e incrementar o seu impacto”. Ao igual que a feira, a exposición, detallan, xorde da convicción de que “hai unha falta de referentes femininos en xeral no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías”. Neste contexto, esta iniciativa, recalcan, quere que rapaces e rapazas “poidan coñecer como desde hai moito tempo hai presencia feminina nestes campos” e instaurar así neles e nelas “novos referentes en feminino”.