DUVI | Preto dun cento de estudantes da ESO e Bacharelato da provincia de Pontevedra e outros 80 da de Ourense participan este mércores na fase galega da Olimpíada de Xeoloxía que se celebra na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, en Vigo, e na Facultade de Ciencias, en Ourense. Ao longo da mañá, os mozos e mozas realizaron varias probas prácticas a modo de xincana, quedando a tarde reservada para os exames teóricos.
No caso de Vigo, o programa complétase cunha serie de actividades guiadas que organizou a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía para que as e os participantes se acheguen aos diferentes ámbitos nos que o coñecemento da xeoloxía é un recurso necesario. Así, está programado un obradoiro sobre a intervención microscópica na arte urbana, un taller sobre arte, minerais e falsificación, outro sobre visión infravermella e un último sobre xeotecnia. No caso de Ourense, está programa un relatorio do profesor Pedro Araujo sobre os graos que ofrece a Facultade de Ciencias.