DUVI | O vindeiro martes 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e a celebración vivirase dun xeito moi especial nos laboratorios das tres escolas de enxeñaría do campus, do Cinbio e da Ecimat, xa que as investigadoras que día a día traballan nestas instalacións van compartir con máis de 250 alumnas de ensino secundario de diferentes concellos da provincia de Pontevedra a súa paixón pola ciencia e a tecnoloxía. Levan semanas organizando as actividades e xa todo está listo para recibilas e convencelas de que se atopan ante un mundo “moi interesante e atractivo, que pode ser moi divertido e, sobre todo, absolutamente imprescindible para que a sociedade avance”, tal e como subliñan as investigadoras Belén Vaz e Verónica Salgueiriños, coordinadoras dos obradoiros do ámbito científico.
Todas as actividades (obradoiros, conferencias, charlas…) agrúpanse nunhas xornadas bautizadas como Elas fan CienTec 2020 e todas teñen como obxectivo fundamental darlle visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, crear roles femininos no campo da ciencia e da enxeñaría e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero. Ademais, as celebracións continuarán o mércores 12 no campus de Ourense coa III Xornada de divulgación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas Exxperimenta en feminino, 14 obradoiros prácticos no que van participar arredor de 300 escolares. E, ademais de todas estas actividades no campus de Vigo e Ourense, ao longo de todo o mes, 26 investigadoras e un investigador da UVigo acudirán a 29 centros educativos de toda Galicia para ofrecer 41 charlas e actividades sobre o seu traballo e…