260.000 euros para investigar como determinadas árbores tropicais poden axudar a restaurar solos contaminados

Celestino Quintela

DUVI |  A Universidade de Vigo incorporará o vindeiro curso ao seu cadro de persoal ao investigador galego Celestino Quintela Sabarís, a quen lle foi concedida unha prestixiosa axuda Marie Sklodowska-Curie, unha das máis competitivas e prestixiosas que concede a Comisión Europea dentro do Programa Marco para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, Horizonte 2020. Quintela chega a Vigo tras unha estancia de case tres anos na universidade francesa de Lorraine e aquí desenvolverá, baixo a titorización do profesor Jorge Domínguez, o proxecto Exploración da biota do solo asociada ás árbores Casuarináceas de áreas ultramáficas tropicais, un traballo que lle permitirá seguir investigando sobre esta familia de árbores tropicais que teñen a extraordinaria capacidade de axudar a restaurar solos sometidos a elevados niveis de contaminación.