DUVI | Como cada ano e chegando o final de curso, o alumnado do programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (DocTIC) celebra a súa sesión anual de avaliación. Un total de 52 estudantes presentaron este venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación os avances na súas investigacións e explicaron ante unha comisión composta por docentes os puntos centrais das súas teses.
Este programa de doutoramento, promovido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de investigación atlanTTic, céntrase na formación de profesionais e investigadores no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e en xerar investigación de calidade e impacto internacional, así como en proporcionar á industria profesionais con coñecementos avanzados que lles permitan mellorar a súa competitividade a escala global. Como explica o seu coordinador, o profesor Manuel García Sánchez, “a avaliación anual é obrigatoria en todos os programas de doutoramento e, con ela, apróbase tamén o recoñecemento das actividades formativas desenvolvidas durante o curso, algunhas delas obrigatorias para poder ler a tese”. O que diferencia este programa de doutoramento doutros impartidos pola UVigo é que para presentar estes resultados optouse por organizar unha especie de “pequeno congreso internacional, no que o alumnado expón publicamente o seu traballo mediante pósters e recibe preguntas e comentarios do resto de asistentes”.