Aproveitando a conmemoración do Día da Ciencia en Galego, e trala boa acollida desta acción na pasada edición, repítese esta actividade co propósito de continuar poñendo en valor o uso do idioma propio no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolta na lingua de Galicia. As diferentes iniciativas, que se realizan novamente en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da UVigo, tratarán de afianzar tres obxectivos principais: normalizar o uso do idioma cooficial de Galicia no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador na UVigo en galego e apoiar o traballo científico neste idioma.
Esta iniciativa enmárcase no plan especial 5º aniversario Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Programación
4 de novembro – 4 de decembro
‘Gargalladas Científicas’
I Concurso de monólogos científicos
Trátase dun certame de monólogos que ten a finalidade de darlle visibilidade ao traballo investigador e fomentar a divulgación dentro da institución educativa, empregando a creatividade e o humor. Esta iniciativa pretende achegar o coñecemento científico á sociedade dun xeito accesible, entretido e rigoroso, amosando a faciana máis próxima e humana da investigación universitaria. Ademais, con este concurso promoveranse as habilidades comunicativas do persoal investigador, impulsando novos formatos e novas formas de transmitir a ciencia que conecten co público.
Nesta primeira edición, o I Concurso de monólogos científicos conta cun único premio outorgado polo xurado. O xurado estará composto por persoas vinculadas ao ámbito da comunicación, a investigación e o humor. O premio consistirá nun kit audiovisual, valorado en 600 euros.
O concurso desenvolveuse entre os días 4 de novembro e 4 de decembro de 2025. Para máis información, podedes consultar as bases de participación, dispoñibles na web da UCC+i.
En total presentáronse ao certame seis traballos que poden visualizarse a través da canle de Youtube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo. Realizados polos investigadores Mario Soilán Rodríguez, Lorenzo Antonio Justo Cousiño, Fernando Álvarez Álvarez, Celestino Quintela Sabarís, Patricia González Cabaleiro e Wendy Fernández Pujó, nesta primeira edición concedeuse un único premio a Patricia González Cabaleiro. O xurado estivo composto por Andrea Muras Mora (bióloga e finalista do concurso de monólogos científicos FameLab), Luís Pena Morandeira (videógrafo en UVigo TV) e Ana Costa Montes (técnica de comunicación na UCC+i da Universidade de Vigo).
Solo de ciencia
Como colofón do concurso, o día 11 de decembro celebrouse unha sesión de monólogos científicos no Vitruvia Café de Vigo, que servirá como evento final. Neste espectáculo de comedia e ciencia para todos os públicos participará a persoa gañadora do concurso, que interpretará o seu monólogo ao vivo, xunto con outras divulgadoras e divulgadores en galego.

Publicación da 2ª edición da Escolma de Termos Científicos
A Escolma de termos científicos II é a segunda edición dun minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego que abarca termos de tres áreas temáticas: a bioloxía mariña, a xestión pública e a informática. O glosario persegue o triplo obxectivo de normalizar o uso do idioma cooficial de Galicia no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador realizado na UVigo e apoiar o traballo científico nesta lingua.
Consulta aquí a Escolma de Termos Científicos I.

