Baixo o nome Comunica a túa ciencia, esta formación presencial dirixida á comunidade universitaria (PDI, PI, PTXAS e alumnado), e aberta tamén a docentes e responsables de comunicación externos, inclúe sesións dedicadas a mellorar as habilidades de oratoria, aprender a comunicar ciencia en redes sociais, coñecer o potencial das ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á divulgación e, como novidade, dous obradoiros de técnicas teatrais orientados a explorar novas formas de expresión e comunicación creativa.

Esta actividade presencial levarase a cabo os días 10 e 13 de outubro, no Edificio Redeiras da UVigo, situado na rúa Ribeira do Berbés, en Vigo. As 40 prazas dispoñibles adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. A inscrición pode realizarse na seguinte ligazón.

Programación

Venres, 10 de outubro

09.00 – 13.00 h. Por que e como contar ciencia de forma creativa e atractiva e Ferramentas para divulgar en RRSS, a cargo da divulgadora Tamara Pazos

Contidos:

  1. Por que comunicar ciencia?
  2. Claves para unha comunicación creativa e atractiva
  3. Ferramentas para divulgar en redes sociais
  4. Parte práctica e participativa

Tamara Pazos Cordal. Técnica de Comunicación e Divulgación Científica no CICA (UDC). Estudou Bioloxía na UDC e realizou o Máster interuniversitario en Neurociencia da USC especializándose en neurociencia cognitiva. Na súa tese investiga sobre o uso da divulgación como prevención de riscos sanitarios. Na actualidade, adícase á comunicación científica en distintas plataformas como o podcast “Un humano por persona” ou a canle de YouTube “PUTAMEN_T”, especializada en neurociencia, comportamento e divulgación científica.

13.15 – 14.45 h. 1ª sesión Técnicas teatrais aplicables á comunicación e divulgación científica, a cargo de Constance Hurlé

Os obxectivos destas sesións son:

  1. Aplicar as técnicas comunicativas das artes escénicas á labor de difusión na investigación científica.
  2. Aprender a comunicar unha mensaxe complexa de xeito dinámico e sinxelo empregando diferentes elementos de significación.
  3. Afrontar un concepto técnico dende diferentes paradigmas, procurando unha lóxica asociativa non logocentrista.

Constance Hurlé. Directora e intérprete na compañía de artes vivas Constance Hurlé e directora da produtora e distribuidora Hurlé prods. Productora, bailarina e manager de Ghastas Pista swing project. É licenciada en filoloxía clásica pola Universidade de Santiago de Compostela e titulada no Máster en Investigación en Estudos do Teatro pola Universidade Autónoma de Barcelona. Ten unha liña de investigación teórico-práctica que parte da premisa do teatro danza como ferramenta para o autocoñecemento que aplica ás súas investigacións escénicas en forma de pezas de sala, performances, micro pezas, recitais ou poesía escénica.

Luns, 13 de outubro

09.00 – 13.00 h. Comunicación científica na Era Dixital, a cargo do divulgador Óscar Huertas

Contidos:

  1. A arte de falar en público e captar a atención
  2. Ferramentas para divulgar en redes sociais (algunhas consideracións)
  3. Aplicacións da IA para a comunicación científica

Óscar Huertas Rosales. Bioquímico, doutor en microbioloxía e divulgador científico. Na actualidade é responsable de comunicación do instituto DaSCI na Universidade de Granada.

A súa traxectoria profesional combina a investigación científica, a comunicación institucional e a divulgación pública da ciencia. Óscar defínese como un “curioso eterno”, cunha pasión constante por entender o mundo e compartir ese coñecemento cos demais. O seu perfil combina ciencia, arte, comunicación e compromiso social, e segue explorando novas formas de achegar o coñecemento científico a todos os públicos.

13.15 – 14.45 h. 2ª sesión Técnicas teatrais aplicables á comunicación e divulgación científica, a cargo de Constance Hurlé

Empregaranse tres liñas de traballo, relacionadas coa lingüística e a paralingüística a través das ferramentas do teatro. Metodoloxía das sesións:

  1. Comunicación a través da linguaxe verbal.
  2. Comunicación a través da linguaxe corporal.
  3. Comunicación a través da posta en escena.